O QUE O MUNDO NECESITA SON - PALABRAS E MÁIS COMUNICACIÓN

O QUE O MUNDO NECESITA SON - PALABRAS E MÁIS COMUNICACIÓN
"O que o noso mundo necesita son menos palabras e máis comunicación"

domingo, 15 de novembro de 2026

Características pragmáticas da linguaxe oral

Hoxe falamos das características pragmáticas na etapa de educación infantil dende o punto lingüístico. Nesta etapa, o compoñente pragmático obra unha relevancia especial, desenvolvéndose nos nenos e nas nenas as funcións comunicativas de linguaxe segundo a teoría de Michael Halliday enmarcada na lingüística sistémico-funcional.

Durante este período, o alumnado desenvolve as seguintes funcións comunicativas:

Función Instrumental: Denomínase a función do “eu quero”. A través dela, o/a neno/a dáse conta de que a linguaxe é o vehículo para que as cousas se realicen. Exemplo.: Mama auga!  Mama pis!! É a función que teñen para as satisfaccións privadas.

Función reguladora: É a función do “fai o que eu che digo”. O/A neno/a aprende o control do comportamento alleo. E “iso” e “isto” faino porque provén da imitación dunha serie de imperativos da súa nai o do seu pai. A linguaxe sérvelle  para controlar aos demais. Están a empezar a distinguir o “superEU”, e a conciencia moral existente.

Función interactiva: É a función do “ti e eu”. Esta función comprende os saúdos e las demais instancias sociais da linguaxe. Halliday tamén inclúe a función ritual nesta función. A función ritual é a función do: bos días, boas tardes, adeus, ata logo… Nela non se establece ningún afecto. Non ten ningunha intención comunicativa.

Función persoal: É a función do “eu son”. A linguaxe sérvelle de expresión de si mesmo/a. A través da linguaxe pode manifestar os seus sentimentos, as súas ideas, as súas opinións. Por exemplo: “isto gústame”, “que feliz son”, “canto te quero”. É a expresión da afectividade.

Función heurística: É a función do “díme porqué”. É a función que comprende a efectividade de cuestionar e preguntar sobre o universo.

Función informativa: É a función do “teño que dicirche”. É a función que os/as mestres/as transmitimos na escola, é dar información. É aadquisición de coñecementos.

Función imaxinativa ou creativa: É a función do “supoñamos que”. Tende á creación dun mundo propio e a superación creativa da realidade. É cando o/a neno/a se crea as súas propias fantasías, os seus propios contos, os seus propios personaxes fantásticos. É o principio da creatividade.

Máis tarde todas estas funcións agrupariámolas en dúas funcións ou usos comunicativos da linguaxe:

  • Función idiorepresentativa, mediante a cal a linguaxe serve para representar a realidade, para asimilar contidos.
  • Función interpersoal, mediante la cal nos comunicamos cas demais persoas.

O alumnado que está a desenvolver estas funcións comunicativas nesta etapa educativa incorpórase progresivamente ás actividades convencionais comprendendo e utilizando expresións axeitadas ao contexto onde se usan.

A comunicación e a linguaxe teñen importancia en tanto que, na forma de comunicación e representación o importante non é que o/a neno/a coñeza determinado adxectivos, verbos, senón que saiba utilizalos de forma axeitada ao contexto.

Durante esta etapa de educación infantil, as distintas formas de representación e comunicación non se abordarán directamente como obxectivo de coñecemento, senón como instrumento de expresión e relación.