O alumnado que invirte ou omite a consonante líquida nas sílabas trabadas presenta unha dificultade na produción dos grupos consonánticos, que pode estar relacionada cun proceso de simplificación fonolóxica.
Que ocorre exactamente?
As sílabas trabadas ou grupos consonánticos conteñen unha consonante seguida dunha líquida (/l/ ou /r/) dentro da mesma sílaba, como en pla, bra, fle, tri.
- Omisión da consonante líquida: elimina a /l/ ou a /r/.
- prato → pato
- brazo → bazo
- flor → for
- Inversión ou alteración da orde: modifica a orde dos sons do grupo consonántico.
- brazo -> barzo
- Diferencia entre fala e escritura: pronuncia correctamente a palabra, pero comete erros ao representala por escrito. Isto orienta a avaliación cara aos procesos de escritura, aínda que non determina por si só a causa.
Neste caso, e dependendo do curso no que se atopen, poderiamos falar de dificultades ortográficas, pero non necesariamente de disortografía.
Se o alumado omite ou invirte as consonantes líquidas nas sílabas trabadas (pl, bl, pr, br, tr, dr, cl, cr, fl, fr, gl, gr) unicamente ao escribir e non á falar, convén distinguir entre varias posibilidades:
- Dificultades na escritura de grupos consonánticos: é a descrición máis precisa e prudente do erro observado.
- Dificultades de tipo disortográfico: se os erros son persistentes e afectan á correcta representación escrita das palabras.
- Posible dificultade na conversión fonema-grafema ou na secuenciación dos grafemas: especialmente se coñece e pronuncia correctamente as palabras, pero omite ou cambia a orde das letras ao escribilas.
Para falar de disortografía como dificultade específica, habería que valorar a frecuencia e persistencia dos erros, a idade e o curso do alumnado, o seu nivel de aprendizaxe da escritura e a presenza doutras dificultades.
No alumnado de primeiro ciclo de educación primaria que omite ou invirte as consonantes líquidas nas sílabas trabadas exclusivamente ao escribir, pero emíteas correctamente ó falar, falaremos inicialmente de dificultades na escritura dos grupos consonánticos, compatibles con erros de tipo disortográfico, sen afirmar aínda que presenta disortografía.
Como afirmamos anteriormente, no primeiro ciclo de educación primaria, a escritura dos grupos consonánticos aínda pode estar a se consolidar. Por iso, é importante comprobar se os erros son frecuentes, persisten despois de traballalos e aparecen tamén en ditados, copias e escritura espontánea.
Orientacións para a aula
Dado que non se observan estas dificultades na linguaxe oral, recoméndase reforzar a escritura dos devanditos grupos mediante actividades breves, sistemáticas e graduadas.
Aconséllase utilizar apoios visuais, destacar os grupos consonánticos, practicar a escritura de palabras e frases e ensinar estratexias de revisión e autocorrección. Así mesmo, recoméndase proporcionar instrucións claras, reforzar positivamente os avances e evitar penalizar reiteradamente estes erros en tarefas cuxo obxectivo principal non sexa a ortografía.
O titor ou a titora e o/a especialista de Audición e Linguaxe coordinarán as actuacións e realizarán un seguimento da evolución do alumnado para axustar os apoios ás súas necesidades.

Ningún comentario:
Publicar un comentario