Aprender a ler é un dos procesos máis importantes no desenvolvemento infantil. Aínda que para as persoas adultas ler pode parecer unha actividade automática, para un neno ou unha nena supón un desafío cognitivo que require tempo, práctica e a coordinación de distintas habilidades lingüísticas e cognitivas.
O cerebro humano non nace preparado para ler de forma innata. Aprende a facelo mediante a conexión entre a linguaxe oral, os sons, as letras e o significado das palabras. Comprender como se desenvolve este proceso permite ás familias e aos docentes acompañar mellor aos nenos e ás nenas nos seus primeiros pasos cara á lectura.
1. Conciencia fonolóxica: descubrir os sons da linguaxe
A conciencia fonolóxica é a capacidade de recoñecer e manipular os sons que forman as palabras. Constitúe unha habilidade fundamental para aprender a ler, xa que lles axuda para comprender que a linguaxe oral pode dividirse en unidades sonoras.
Esta habilidade desenvólvese progresivamente e pode incluír diferentes niveis:
- Conciencia léxica: identificar as palabras que forman unha frase.
- Conciencia silábica: recoñecer e separar as sílabas dunha palabra.
- Conciencia fonémica: identificar e manipular os fonemas, é dicir, os sons individuais da fala.
Como podemos estimulala?
Os xogos de rimas, as cancións, as adiviñas sonoras, as palmadas para contar sílabas e as actividades de identificación de sons iniciais son recursos sinxelos e eficaces para traballar esta habilidade.
2. O principio alfabético: comprender a relación entre letras e sons
Unha vez que o alumando comeza a prestar atención aos sons da linguaxe, pode avanzar na comprensión do principio alfabético. Este principio consiste en entender que as letras e as súas combinacións representan os sons da fala.
Por exemplo, ao aprender que a letra «m» representa o son /m/, empezan a establecer unha conexión entre o que escoita e o que ven escrito.
Esta aprendizaxe non consiste unicamente en memorizar o nome das letras. É necesario comprender como se relacionan cos sons e como esas relacións permiten ler e escribir palabras.
Como podemos estimulalo?
- Presentar as letras xunto cos seus sons.
- Asociar letras con palabras coñecidas e imaxes.
- Formar palabras sinxelas mediante letras móbiles.
- Practicar a combinación de sons para construír palabras.
É importante avanzar de forma gradual, respectando o ritmo de aprendizaxe de cada neno/a e ofrecendo oportunidades frecuentes para practicar.
3. Decodificación: transformar as letras en palabras
A decodificación é o proceso mediante o cal o lector identifica as letras, aplica as correspondencias entre grafemas e fonemas e combina os sons para recoñecer unha palabra escrita.
Por exemplo, ao ler a palabra sal, o/a neno/a aprende a identificar as letras «s», «a» e «l», relacionalas cos seus sons e combinalos para recoñecer a palabra.
Ao principio, este proceso adoita ser lento e require moita atención. Coa práctica, o recoñecemento de numerosas palabras vólvese máis rápido e preciso, o que permite dedicar máis recursos mentais a comprender o texto.
Como podemos estimulala?
A lectura guiada de palabras adecuadas ao nivel do/a neno/a, os xogos de combinación de sons e as actividades de construción de palabras favorecen o desenvolvemento da decodificación.
Convén utilizar textos que permitan practicar as correspondencias entre letras e sons que o/a neno/a xa aprendeu, incorporando novas dificultades de xeito progresivo.
4. Fluidez lectora: ler con precisión, ritmo e expresividade
A fluidez lectora consiste en ler con precisión, a unha velocidade adecuada e cunha entoación que reflicta a estrutura e o significado do texto.
Un lector fluído non necesita deterse constantemente para descifrar cada palabra. Isto facilita que poida prestar máis atención ás ideas que está a ler.
Con todo, ler rápido non significa necesariamente ler ben. A fluidez debe desenvolverse xunto coa precisión e a comprensión.
Como podemos estimulala?
- Ler en voz alta xunto a un adulto.
- Reler textos breves e coñecidos.
- Escoitar modelos de lectura expresiva.
- Practicar diálogos, poemas e contos.
- Ofrecer tempo suficiente para ler sen xerar presión.
A práctica frecuente, acompañada de orientacións positivas, axuda a mellorar a seguridade e a autonomía do lector principiante.
5. Comprensión lectora: construír o significado do que se le
O obxectivo final da lectura é comprender. A comprensión lectora permite interpretar a información dun texto, relacionala cos coñecementos previos, realizar inferencias e reflexionar sobre o lido.
Para comprender un conto, por exemplo, o noso alumnado necesita recoñecer as palabras, identificar quen son os personaxes, seguir os acontecementos e relacionalos coas súas experiencias e coñecementos.
A comprensión non aparece automaticamente cando se consegue decodificar con facilidade. Tamén depende do vocabulario, do coñecemento do mundo, da capacidade para interpretar a linguaxe e das estratexias que se utilizan para construír o significado.
Como podemos estimulala?
- Conversar sobre o texto antes, durante e despois de ler.
- Formular preguntas abertas: «Por que cres que ocorreu isto?».
- Pedir ao neno que explique a historia coas súas propias palabras.
- Anticipar que pode suceder a continuación.
- Relacionar a lectura con experiencias cotiás.
- Explorar palabras novas e comentar o seu significado.
Estas actividades converten a lectura nunha experiencia activa, na que o alumnado non só recoñece palabras, senón que tamén pensa, interpreta e aprende.
As cinco etapas desenvólvense de forma independente?
Aínda que estas cinco habilidades poden presentarse como unha secuencia para facilitar a súa comprensión, na práctica están relacionadas e desenvólvense de xeito parcialmente simultáneo. Os nenos e as nenas poden traballar a conciencia fonolóxica mentres empezan a recoñecer letras, practicar a decodificación e escoitar contos que favorecen a comprensión.
Ademais, a aprendizaxe non segue exactamente o mesmo ritmo en todos/as os/as nenos/as. A experiencia lingüística, as oportunidades de lectura, o ensino recibido e as características individuais inflúen na súa evolución.
Por iso, é importante observar que habilidades domina cada neno/a e cales necesita seguir desenvolvendo, en lugar de considerar estas fases como compartimentos ríxidos.
O papel das familias e os docentes
A contorna educativa e familiar desempeña un papel esencial na aprendizaxe da lectura. Crear experiencias positivas cos libros, conversar sobre as palabras e ofrecer oportunidades para ler contribúe ao desenvolvemento das habilidades necesarias para converterse nun lector competente.
Algunhas recomendacións prácticas son:
- Ler xuntos cada día, aínda que sexan só uns minutos.
- Falar e escoitar: as conversacións enriquecen o vocabulario e a linguaxe oral.
- Xogar cos sons: as rimas e as cancións poden integrarse na rutina cotiá.
- Practicar sen presión: os erros forman parte da aprendizaxe.
- Elixir textos adecuados e interesantes: a motivación favorece a participación.
- Valorar o progreso individual: cada avance merece recoñecemento.
Cando aparecen dificultades persistentes, como problemas para identificar os sons, aprender as correspondencias entre letras e sons ou ler palabras con precisión, convén falar co docente e, se é necesario, solicitar unha valoración especializada. A detección temperá permite axustar os apoios e previr que as dificultades se acumulen.
Aprender a ler non consiste soamente en descifrar palabras: consiste en abrir a porta ao coñecemento, a imaxinación e a aprendizaxe ao longo de toda a vida.

Ningún comentario:
Publicar un comentario