O QUE O MUNDO NECESITA SON - PALABRAS E MÁIS COMUNICACIÓN

O QUE O MUNDO NECESITA SON - PALABRAS E MÁIS COMUNICACIÓN
"O que o noso mundo necesita son menos palabras e máis comunicación"

martes, 19 de decembro de 2023

Altas Capacidades na escola

Distínguense tres tipos de aptitude excepcional: a precocidade, a superdotación e o talento. Cada un destes tres compoñentes responden a unha realidade diferente.

PRECOCIDADE INTELECTUAL 

O alumnado intelectualmente precoz é aquel que se desenvolve a un ritmo máis rápido que o resto dos seus compañeiros e compañeiras, e que actúa os seus recursos mentais antes que eles. O que caracteriza a estes nenos e nenas  aprenden a falar antes, interésanse polas letras e os números antes, e len e escriben antes… en definitiva, a súa evolución intelectual é máis veloz.

SUPERDOTACIÓN 

Enténdese a superdotación como un perfil complexo que se define ao redor de tres eixos e que, por tanto, non basta cunha única característica para determinala. A superdotación intelectual implica dispoñer dun gran potencial en todas as áreas que comprenden a intelixencia humana, acompañado dunha alta capacidade para as tarefas creativas e un pensamento capaz de combinar estes aspectos cun resultado innovador e diferente.

Os tres eixos da superdotación son: INTELIXENCIA, PERSONALIDADE E CREATIVIDADE.

TALENTO 

O termo talentoso é ambiguo en moitas ocasións e a súa diferenza coa superdotación non sempre quedou clara, de maneira que no marco das altas capacidades podemos distinguir o grupo de persoas con talento, e consideralas como un fenómeno diferente á superdotación. O talento mostra un elevado rendemento ou destreza nunha determinada área de coñecemento, habilidade ou conduta específica: é un especialista nunha área concreta do espectro intelectual.



Fonte: Sandra Tarragó, Susana Arroyo y Mercè Martorell (2006). La realidad de una diferencia: Los superdotados. Barcelona: Terapias Verdes.

martes, 12 de decembro de 2023

Xogo e alumnado TEA

«O xogo é un medio educativo de indubidable importancia a través do cal os nenos/as observan, exploran e chegan a coñecerse mellor a sí mesmos e ao mundo que lles rodea, pero sobre todo o xogo infantil proporciona a oportunidade de aprender e practicar as habilidades sociais que son tan importantes para o éxito dentro da escola e a sociedade. Debido a que os nenos/as con TEA a miúdo fracasan coas súas habilidades de xogo, é prioritario que os educadores que traballan con eles sexan conscientes destas necesidades e dominen diversos métodos para ensinarllas» (García, 2003)

O xogo posibilita melloras na:

  • comunicación
  • interacción social
  • a resolución de problemas
  • aprendizaxe de regras sociais
  • o desenvolvemento da teoría da mente

Velaquí unha ferramenta útil para propor momentos de xogo de maneira visual: TEAyudo a jugar.

 Xogos causa-efecto na PDI. Aula PT 

Cetea Edicións ten 14 xogos interactivos para poder practicar situacións do día a día ou xogos entretidos como arrastrar e soltar ou quebracabezas.

 


TIPOS DE XOGO

Existen diversas formas de xogo infantil (García, Fernández e Fidalgo 2003):

  • Simbólico: Uso de obxectos coma se fosen outros.
  • Funcional: Uso de obxectos segundo a súa función.
  • Sociodramático: Implica actividades de role-playing nas que os/as nenos/as desempeñan papeis relacionados cun tema.

Cornago (2010) engade algunhas formas máis:

  • Interactivo: Xogos de compoñente motor que se realizan interactuando cun adulto.
  • Recíproco: Xogar con outra persoa intercambiando un obxecto.
  • Xogo de regras: Xogo ao que se xoga con outras persoas e no cal hai que seguir unhas regras.

Os xogos pódense desenvolver a distintos niveis, tendo en conta o número de nenos/as que participan no mesmo:

  • Xogo illado: Non require doutra persoa.
  • En parella: Cooperación con outra persoa.
  • Grupal: Cooperación entre tres ou máis persoas.
  • En equipo: Competición de dous ou máis grupos para lograr un obxectivo.